O Coronavirus contado polos nosos bisnetos

tradución de Maria Martinez a quen agradezo
AUDIO

12 de marzo de 2057

Hoxe fun visitar a miña bisavoa. Había unha gran festa porque a súa querida amiga cumpría 100 anos. Ela e a avoa bis viven no campo nun lugar fermoso, máxico diría eu, xunto con outras persoas centenarias coma elas e outras familias que foron chegando aos poucos nos últimos trinta anos.

Nestas ocasións festivas, contos de tempos pasados compártense coa familia como sempre se ten feito.

A miña bisavoa conta que hai moito tempo, hai moito, moito tempo, cando a miña nai aínda non nacera, houbo un período en que facía estragos un virus moi forte. Chamábase Corona Virus. Non causara moitas mortes. En realidade, naquela época, morrían máis persoas por mor da guerra ou doutras enfermidades, pero era tan contaxioso e difícil de erradicar, que os gobernos de todo o mundo tiveron que tomar serias medidas para impedir a propagación da epidemia.

A avoa bis conta que tiveron que quedar na casa durante moitos días; que case todas as tendas estaban pechadas mais

afortunadamente, as necesidades básicas: alimentos e “medicinas”, estaban garantidas.

Ai,si! Naqueles tempos había medicinas, unha especie de pequenas pílulas,case sempre brancas e amargas, que a xente tomaba continuamente para calquera pequena enfermidade.

Por aquel entón, disque a xente sempre vivía apurada, con moitas cousas que facer; por culpa desa forma de vivir limitara, pouco a pouco,a súa capacidade de respirar e de ser felices. Isto era así, especialmente, para aqueles que vivían en certos lugares chamados cidades ou metrópoles, cheas de coches, fábricas e edificios, onde case non había árbores e o aire estaba lixoso e era irrespirable. E así, os seres humanos enfermaban a miúdo e tomaban as medicinas para sentir de socato, a sensación de estar mellor.

Esqueceran que o silencio, a arte, o xaxún, as herbas e, sobre todo, o lecer son a mellor cura. Non entendín ben o porqué, mais non eran quen de parar e tomaban as pílulas para poder seguir traballando sempre e como fose.

Cando chegou o Corona Virus, con todo, tiveron que deterse. TODO O MUNDO. De súpeto. Case dun día para outro, tiveron que quedar na casa, sen poder abrazarse, bicarse ou facer o amor.

En escasos momentos nos que unha persoa por familia saía, por problemas inevitables, como facer compras, debían manter a distancia de seguridade e saudarse de lonxe.

Seica naquela época, había unha forma obsoleta de comunicación que chamaban “social”. Un lugar virtual onde podían compartir e intercambiar ideas, fotos, talentos e proxectos. Di a avoa bis que estes “social” resultaron de grande axuda. Cada un poñía ao dispor dos demais, as súas habelencias e talentos. Houbo quen ofreceu as súas clases de ioga, quen se reunía nunha sala virtual para bailar xuntos, quen lía contos para a rapazada que estaban na casa (as escolas tamén estaban pechadas), quen ensinaba como facer o pan de antano.

Naquela época comprábase todo feito porque ninguén tiña tempo para elaborar este tipo de cousas; aínda non acado de entender que debían facer tan importante para non cociñar eles mesmos os alimentos que comían.

A través destes “social”, os artistas comezaron a dar concertos de balde desde as súas casas; algún deu clases de guitarra e doutros instrumentos. Converteuse nun concurso de solidariedade.

Á avoa bis humedécenselle os ollos cando fala da beleza, da igualdade e da irmandade daqueles intercambios.

A avoa bis e os seus amigos centenarios recordan con especial emoción que esa parada repentina obrigou a todos a mirarse cara a dentro, a harmonizarse de novo coas súas propias esencias, coa Nai Terra, cos ciclos da vida, co Universo, cunha visión máis ampla e máis espiritual da existencia. Esa harmonía, esa sinxeleza, ese ir paseniño que as persoas, e moitas outras coma elas, tiñan desexado, invocado e tratado de vivir desde había moito tempo, por fin, estaba a se converter en realidade.

Os seres humanos volveron, aos poucos, a escoitar os latexos dos seus corazóns, a respirar desde o corazón, a baixar o  volume da súa pequena mente para conseguir deixarse abrazar polo corazón e, xuntos, corazón e mente, espertaren o infinito potencial do ser humano. A maneira de variña máxica,persoal e universal, o corazón e a mente de cada un e de todos xuntos, comezaron unha profunda transformación da vida no Planeta Terra. Cada persoa entendeu e experimentou ser unha parte única e valiosa do Todo; reencontrou o sentido do sagrado da Vida; recoñeceu a Beleza,a

abundancia da Natureza e de cada ser vivo. A gratitude, o coidado, o amor, a harmonía, a alegría, a compaixón, a amabilidade, a paciencia encheron cada pensamento, cada acción, cada novo proxecto, cada partícula do aire, da auga, da terra e do lume.

Foi entón cando comezaron os primeiros intentos do que nese momento se deu en chamar: telepatía.

Oh, si! Pareceravos estraño, pero en 2020 case ninguén sabía de telepatía. Os seres humanos falaban ou escribían nas famosas redes sociais. Non sempre dicían o que tiñan nos seus corazóns. Falaban entre eles como humanos, mais non sabían comunicar cos animais (excepto, quizais, coas súas mascotas) e menos aínda coas plantas. Pensábanse superiores, os amos do mundo, pero nin sequera sabían como conectar entre eles, e moito menos cos outros seres vivos do planeta.

Non entendo como facían!

A avoa bis e os seus compañeiros din que foi moi duro. O cambio fora súbito e radical. Din que todos, cada un pola súa conta e todos xuntos, se sacrificaron, é dicir, fixeron sagrado cada xesto, atoparon e accionaron mesmo a partícula máis pequena dos seus recursos interiores. Atoparon fe e confianza en si mesmos, na súa luz, no Universo.

Un sentido máis íntimo e profundo de Unión estendeuse pola Terra e ,dende entón, a vida continúa no seu novo, auténtico, sagrado e eterno fluír.

Canto me gusta esta historia. Ao final do conto abracei forte, forte a avoa bis, a súa amiga e as outras persoas centenarias da aldea. Agradecinlles, desde o máis profundo do meu corazón, a súa bravura, a súa forza por acadar transportar a humanidade fóra do foxo máis profundo e escuro da súa historia.

Ao final, a avoa bis, púxose a bailar.

Contoume que, nos seus tempos, había unha gran bailarina (recordo que era Pina Bausch) e dicía: “Bailemos, bailemos, senón estamos perdidos” e que isto vale para todos os tempos, os difíciles e os máis lixeiros.

Nós aínda estamos a bailar. Queres unirte a nós?

_______________________________________________

NOTA. Podes ler o resto do conto de fadas, polo momento en italiano, aquí:
IL CORONA VIRUS RACCONTATO DAI NOSTRI BISNIPOTI – Fine della quarantena
IL CORONA VIRUS RACCONTATO DAI NOSTRI BISNIPOTI – Affacciamoci compagnia
 IL CORONA VIRUS RACCONTATO DAI NOSTRI BISNIPOTI – Stare con quel che con quel che c’è per il tempo che ci vuole
IL CORONA VIRUS RACCONTATO DAI NOSTRI BISNIPOTI – Cuore e Cervello insieme
 
Tag:,